Axudas para a luz


Don ANTONIO PEREIRO LIÑARES, alcalde do Concello de TORDOIA (A Coruña)

FAI SABER

Que pola Orde do 28 de xuño de 2018 se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUX) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG no 127 do 04/7/2018)

Beneficiarios

  1. Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social.
  2. Terán esta consideración aquelas persoas que reúnan os requisitos para ser consumidor vulnerable severo establecidos no artigo 3 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regulan a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica, cos límites de renda establecidos no punto 4 do citado artigo e, ademais, estean en risco de exclusión social. Esta situación deberá estar acreditada mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais correspondentes.

Actuacións, gastos subvencionables e contía

1 . Os gastos subvencionables serán 0 50 % do importe das facturas de electricidade (calculado segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 897/2017), correspondentes á vivenda habitual do solicitante acollido á tarifa de último recurso (TUR) para consumidor vulnerable severo, que estean pendentes de pagamento na data da solicitude e emitidas antes do 15 de decembro de 2018 por unha comercializadora de referencia (COR) que teña asinado un protocolo de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para evitar os cortes de subministración.

  1. A contía da subvención será unha cantidade fixa máxima por solicitante de 250 €/ano, ou de 400 €/ano no caso de familias numerosas, que se irá pagando segundo a comercializadora remita as correspondentes facturas á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Prazo de presentación: ata o día 15 de decembro de 2018.

Presentación de solicitudes e máis información: Servizos Sociais Comunitarios.