Convocadas as axudas periódicas para mulleres que sofren violencia de xénero


A Secretaría Xeral de lgualdade vén de aprobar as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero.

O obxecto destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e máis tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de 12 mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período empeza o mes da solicitude.
No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con estas e renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.
A contía da axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante en relación co IPREM para o ano 2018.

O prazo de presentación comeza o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto con carácter permanente durante todo o exercicio (todo o ano)

Para máis información ou presentación de solicitudes as persoas interesadas deberán contactar cos Servizos Sociais Comunitarios. Os datos de contacto dos Servizos Sociais Municipais son:

Baixo da Casa do Concello.

Luns, martes, xoves e venres: de 9.00 h a 14.00 horas.

servizos.sociais@tordoia.gal

981 690001 Persoa de contacto: Mónica Rodríguez Palacio.