Inauguración da exposición “Recuperando a memoria a partir do patrimonio: o dolmen de Cabaleiros” na casa de cultura de Tordoia


Mañá venres, as 18:00 horas, inaugúrase no 2º andar da Casa da Cultura de Tordoia (Cabaleiros) a exposición Recuperando a memoria a partir do patrimonio: o dolmen de Cabaleiros, un proxecto realizado polos alumnos de 2º da ESO do CPI Pecalama e coordinado por Leticia Castro Calviño e Francisco Pérez Otero.

A exposición permanecerá aberta ao público até o 16 de xunio con horario de luns a venres de 16:00 a 21:00 horas.

O patrimonio é quen de conectarnos cos tres ámbitos do ser humano: o físico, xa que se trata dun ben perceptible polos sentidos; o racional, posto que encerra unha valiosa información chea de significados, e o emocional, dado que nos fai desfrutar, sentir, conéctanos cos recordos e ponnos en contacto cos que nos precederon e dos que herdamos a nosa identidade.

Dita exposición nace co gallo de recuperar e preservar a memoria local a través do patrimonio e, como non podía ser doutro xeito, o dolmen de Cabaleiros interpreta o papel principal desta obra actuando de fío condutor entre pasado e presente. Este monumento, vestixio do Neolítico, mostrarase en todas as súas dimensións, tempos, espazos e soportes grazas aos produtos que, integramente, elaboraron os alumnos.

Conta a lenda que unha moura, habitante da Atlántida, construíu o dolmen de Cabaleiros cargando as pedras sobre a súa cabeza mentres voaba e daba de mamar a un meniño. Os nosos maiores contan o mesmo, os meniños xa non nos contan nada, os nosos rapaces teñen moito que dicir.