Convenio para saneamento na parroquia de Bardaos


A Xunta de Galicia dotará dun sistema de saneamento e depuración de augas residuais ao lugar de Castro, no concello de Tordoia. Trátase dunha actuación que acometerá Augas de Galicia tras a sinatura dun convenio de colaboración que referendaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o Alcalde de Tordoia.

Segundo indicou a responsable do departamento autonómico, as obras poderán iniciarse a finais deste mesmo verán e contarán cun orzamento total de 60.500 euros. Grazas a este acordo, esta aldea situada na parroquia de Bardaos disporá por primeira vez dunha rede de saneamento e tratamento coa que se pretende garantir o bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados.

Augas de Galicia comprométese á contratación, ao financiamento e á execución dos traballos, así como a realizar as modificacións e rectificacións que no desenvolvemento do proxecto poidan xurdir ata a completa finalización das obras. Nese momento, Augas de Galicia entregará a nova infraestrutura ao concello, que se encargará do funcionamento, o mantemento e a conservación.

Do mesmo xeito, será o Concello de Tordoia o que dispoña os terreos necesarios para a execución da obra, así como a asunción das xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licencias e autorizacións.