A Xunta aproba definitivamente o primeiro Plan urbanístico de Tordoia co fin de garantir a ordenación integral do concello


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Tordoia, o primeiro instrumento deste tipo co que contará o municipio e que virá substituír unha ordenación urbanística vixente desde o ano 1979 e que quedara xa totalmente obsoleta.

Con este trámite, o Concello de Tordoia convértese nun dos 98 concellos galegos que contan xa cun PXOM adaptado e actualizado á lexislación urbanística en vigor. Complétanse así dez anos de intenso traballo e tramitación, tal e como salientou a conselleira, co obxectivo de dotar ao municipio dun marco urbanístico coherente, actualizado e que outorgue seguridade xurídica para evolucionar durante os próximos 20 anos.

Entre as principais propostas incluídas no PXOM, cómpre subliñar o potenciamento do crecemento municipal vinculado a actividades como o turismo rural, o ecoturismo e as industrias de transformación do sector primario; a planificación de vivenda colectiva no núcleo urbano de Pontepedra; e a delimitación de catro sectores de solo urbanizable industrial para favorecer o asentamento de empresas.

Ao amparo desta nova ordenación do municipio, o Concello de Tordoia ten previstos novos e importantes investimentos en materia urbanística. Concretamente, prevese a creación de dúas zonas verdes xunto á piscina e na contorna do río Pontepedra; a dotación dun punto limpo no futuro polígono de Cabaleiros; a posta en marcha dunha depuradora na parroquia de Bardaos; a ampliación do centro de saúde; ou a creación dun centro sociocomunitario.

Así mesmo, dado o carácter eminentemente rural e agrogandeiro de Tordoia, o 94,87% dos 124,5 quilómetros cadrados de superficie do termo municipal queda clasificado como solo rústico, o 4,76% como núcleo rural e o 0,37% restante como solo urbano ou urbanizable. Neste sentido, o novo PXOM prevé un crecemento máximo de 569 vivendas nos próximos 20 anos, reserva 68.037 metros cadrados a espazos libres e zonas verdes e algo máis de 54.000 metros cadrados ao sistema xeral de equipamentos comunitarios.

Por último, Ángeles Vázquez trasladoulle ao alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, a súa satisfacción polo esforzo realizado desde o goberno municipal co obxectivo de garantir que o concello poida contar a partir de agora cun instrumento de ordenación integral do que se beneficiarán directa ou indirectamente os seus máis de 3.500 habitantes. Neste sentido, lembrou tamén o apoio técnico e económico brindado desde o seu departamento, que financiou o 100% dos custos de redacción do plan con preto de 89.000 euros.

O Alcalde, ademais de agradecer a todos os involucrados na elaboración do proxecto, destacou no seu discurso que “este Plan será unha ferramenta urbanística necesaria para medrar e desenvolver infraestruturas que respondan ás necesidades dos e veciños e veciñas. O solo industrial terá un papel fundamental no crecemento económico municipal e no emprego, e o impulso de vivenda permitirá asentar poboación, podendo acadar todo isto mediante un desenvolvemento urbanístico responsable e sustentable”.